Levaba tempo querendo facer unha viaxe só en bicicleta, vivir ese tipo de aventura sobre o que tanto lera, pero non acaba de dar o paso. O final do 2021 e o comezo do 2022 foran especialmente complicados para o min a nivel persoal, e decidín que era o momento de probar e desconectar de todo. Sempre me impresionou todo o que hai detrás do Camiño de Santiago, a súa historia e toda a xente que move. Anos atrás, no 2019, tras acabar a carreira, fixera con outros dous amigos o Camiño do Norte en bicicleta desde Xixón. Foi unha experiencia incrible, chea de inesquecibles historias, risas, cervexa, paisaxes… Pero bueno, sobre esa viaxe non vos vou a falar aquí, queda para outra ocasión.
Que por que vos falo do Camiño de Santiago? Pois ben, antes desta viaxe nunca oíra falar da Eurovelo. O que me estaba perdendo: eu, un amante do ciclismo e do cicloturismo, e non coñecía a maior rede de estradas cicloturistas de Europa (e quizais do mundo). E claro, como non coñecía a Eurovelo, a única opción de roteiros longos por etapas sinalizadas que me plantexaba facer (por comodidade e seguridade, lembremos que era a miña primeira viaxe soa) era o Camiño de Santiago, en concreto o Camiño Portugués do Interior. Pero por sorte, un colega recomendoume mentres tomabamos unhas cervexas facer o roteiro indo todo pola costa pegado ao mar desde Lisboa, acabando en Vigo, roteiro que el xa fixera previamente. Que gran consello. Pois nada, púxenme a organizalo todo e lanceime á aventura.
Decidín facelo en sentido Lisboa – Vigo, aínda que se volvese repetir faríao en sentido contrario para evitar o vento de norte, especialmente molesto nas últimas etapas. De Vigo a Lisboa fun en bus. Unha vez alí, desempaquetar a bici e para o hostel. Esta viaxe fíxeno quedándome en hostels/albergues, por comodidade (e por falta de experiencia).
Os tracks de cada unha desta viaxe tédelos dispoñibles aquí. Podedes atopar máis información interesante na web da Eurovelo de Portugal As etapas foros as seguintes:
- Lisboa – Ericeira: 92,13 km / 909 m
- Ericeira – Peniche: 71,03 km / 781 m
- Peniche – Nazaré: 72,54 km / 760 m
- Nazaré – Figueira da Foz: 91,52 km / 545 m
- Figueira da Foz – Aveiro: 84,53 km / 403 m
- Aveiro – Porto: 80,29 km / 318 m
- Porto – Viana do Castelo: 92,43 km / 442 m
- Viana do Castelo – Vigo: 104,33 km / 644 m
Primeira etapa. Lisboa – Ericeira

Soou o espertador e comezaba a aventura. Alforxas, ok. Casco, ok. Luz, ok. Aire das rodas, ok. Garmin, ok. Pois imos alá. Desde Lisboa saín bordeando a costa rumbo a Ericeira, a cal sería a miña primeira parada nesta aventura. Polo camiño deime conta de que non era tan habitual como pensaba que houbese fontes onde encher o bidón. Con todo, sempre me atopaba algún bar ou casa onde mo enchían sen problema. Un momento gracioso foi o que me pasou en Estoril. Estaba a buscar onde encher o bidón ata que me atopei un policía que andaba a multar a uns coches mal aparcados, quen me acompañou ata un sitio onde poder coller auga. Preguntoume pola miña viaxe, e resulta que el tamén era un amante do ciclismo. Falamos dos Alpes, dos que ambos tiveramos o privilexio de gozar como ciclistas. Estivemos a falar un bo anaco, o suficiente para que unha persoa viñese retirar o seu coche antes de que o multase. De nada. O día estivo cheo de sobe e baixas ( e iso que era pola costa!), pero mereceu a pena. As vistas eran espectaculares, e o día perfecto para andar en bicicleta. Hei de dicir que nesta viaxe non utilicei o GPS, salvo un dos días, e simplemente tentaba ir o máis pegado ao mar posible. Un sensación de liberdade incrible. Cheguei a Ericeira a media tarde, despois de comer un par de bifanas, deixei as cousas no hostel e funme a coñecer a aldea. No hostel atopeime a un moteiro que viña desde Lisboa tamén, e sorprendeuse cando lle contei que eu tamén viña de alí, pero en bicicleta.

Segunda etapa. Ericeira – Peniche
Ao día seguinte tocaba ir rumbo a Peniche, unha pequena península con tradición surfista. Un chocolate quente acompañado dun croissant e a pedalear, isto foi unha costume o resto dos días. Esta vez o camiño xa foi moito máis plano ca o día anterior, aínda que tiven a mala sorte de pinchar unha roda. Nada que non tivese arranxo. O camiño era unha constante de praias espectaculares. O feito de realizar a viaxe en semana santa e non no verán fixo que polas estradas houbese moi pouco tráfico, o cal permitía evadirse de todo e simplemente gozar. Pura felicidade.


Terceira etapa. Peniche – Nazaré
O seguinte destino era Nazaré, coñecido polas súas grandes ondas, aínda que nesa época do ano o mar estaba moi tranquilo. O inicio da etapa foi totalmente pegado ao mar, ata chegar á Lagoa de Óbidos. Espectacular. Unha beleza da natureza cunha ecovía que a rodeaba pegada á auga para poder gozala sobre as dúas rodas. Aquí vin por primeira vez na miña vida flamencos en directo, preciosos. Non quixen molestarlles e seguín o meu camiño.

Pasando a Lagoa conectei coa Estrada Atlántica, o que sen dúbida foi un dos grandes descubrimentos da viaxe. Unha estrada sen apenas tráfico pegada ao mar polo medio da nada e cun carril bici. É dicir, o soño de calquera ciclista. Polo camiño parei a encher en Sao Martinho do Porto, un pobo costeiro cunha baía espectacular que recomendo visitar. Acabeime a cervexa e seguín co meu camiño. Chegando a Nazaré, decidín pararme nun alto a contemplar o mar e as ondas. Estaba todo en completo silencio, só escoitábase o mar. Ese silencio fíxome reflexionar con calma sobre a viaxe e de como foran os últimos meses. Foi unha sensación difícil de explicar con palabras. Cando vas en bicicleta ves as cousas a unha velocidade distinta a cando vas en coche, e iso nótase. Gozas cada curva, cada recta, cada miradoiro. Unha experiencia única. Cheguei a Nazaré e estiven a pasear as súas estreitas rúas. Claramente era un pobo que vivía do mar. Non estaba masificado ese día e puiden gozar da súa praia.

Cuarta etapa. Nazaré – Figueira da Foz
Tras facer noite en Nazaré, continuei a viaxe ata Figueira da Foz, pola Estrada Atlántica. Esta vez o roteiro foi practicamente plana, sen subidas. Quilómetros, quilómetros e quilómetros sen pobos nin casas. Só a natureza, a bici e a estrada. Pouco máis que dicir desta etapa. Pura desconexión, desconexión que ás veces resulta complicado obter no noso día a día, e que tan necesario resulta de cando en vez, verdade? Atopeime a unha cicloturista que ía en sentido contrario. Puxémonos a falar e o seu se que era unha viaxe longa. Comezara en Galicia e ía percorrer toda a costa de Portugal, a costa Mediterránea española, a costa sur de Francia, toda a costa de Italia, coller un barco e ir ata Grecia. Guau. Espero que puidese cumprir o seu soño.

Quinta etapa. Figueira da Foz – Aveiro
A seguinte etapa foi desde Figueras dá Foz ata Aveiro. Foi moi similar á anterior, ata pouco antes de chegar a Aveiro. Un sitio que me parece moi recomendable é a Praia de Mira. Chegando a Aveiro vas por unha especie de península alongada e tes mar tanto á dereita como á esquerda. Tiven que empregar o GPS, xa que hai que meterse cara ao interior e perdes a referencia do mar. Ese día había moita xente visitándoo e non puiden gozalo todo o que me gustaría, pero estivo ben. Se ides por aí tede coidado, xa que case me equivoco e acabo nunha estrada restrinxida ás bicicletas.

Sexta etapa. Aveiro – O Porto
Seguinte parada, O Porto. O inicio da etapa estivo afastado do mar, ata a metade da mañá, onde xa volvín conectar coa estrada que ía pegada á costa. Pouco antes de chegar, na Praia de Paramos, tomeime unha francesinha, un prato típico. Co estómago cheo, tirei ata o final da etapa. A entrada á cidade desde o sur é preciosa se vas pola costa. Vas todo o tempo pegado ao mar, e de súpeto xiras e atópascha de golpe. Teño pendente volver un día por alí coa bici de estrada e percorrer as beiras do Douro. No Porto xa estivera varias veces, pero cando vas en bicicleta es máis consciente das costas… aínda que mereceron a pena. Ese día leveime un bo susto, xa que pensei que me roubaban a carteira, e resulta que simplemente me caeu entre as alforxas e o cadro…. Pensei que aí se acabaría a miña aventura, pero por sorte puiden continuar.


Sétima etapa. O Porto – Viana do Castelo
O seguinte día seguinte sufrín bastante o vento de norte, especialmente ao chegar a Vila do Conde. Vaia furacán. Tiven que desviarme da ruta da costa e meterme cara ao interior buscando o refuxio das casas. Aquí atopeime unha chea de peregrinos, xa que a partir do Porto o camiño coincidía co Camiño de Santiago Portugués (variante da costa). Chegando a Viana do Castelo, onde me quedaba a durmir, pinchei un par de veces. Cando ía cambiar a cámara da roda descubrín que me equivocaba e compreina de válvula gorda en lugar de válvula fina. Eu sempre tan despistado. Houbo que tirar de algo de enxeño e duns parches algo resecos para chegar ata Viana do Castelo. Alí coincidín no hostel cun cicloturista alemán. Contoume algo que me deu bastante envexa sa. Era profesor, e resulta que en Alemaña aos profes os tres primeiros anos páganlles 2/3 do soldo, e o cuarto ano páganlles a parte restante e o correspondente a ese ano. É dicir, o cuarto ano cobran algo máis do dobre que os anos anteriores. Moitos o que fan é collerse ese ano sabático e dedicarse a viaxar. Que envexa, eu que tiven que axustar a viaxe para que me cadrasen os días de vacacións do traballo.

Oitava etapa: Viana do Castelo – Vigo
E chegou o último día. As pernas xa levaban moitos quilómetros encima, máis de 600, pero agora xa non facía falta pensar no día seguinte, non facía falta gardar forzas. Daban choiva pola tarde, así que saín xusto cando amenceu. Coas présas creo que me fun sen pagar do sitio onde almorcei, e deime conta cando xa ía pola metade do camiño… Como vedes, o de descoidado non era broma. Algún día volverei por alí. O último día foron 100 e pico quilómetros, aínda que os quilómetros despois de ver o cartel de “Galicia” lévanse mellor. No último tramo ía pensando na pizza que me ía a tomar cando chegase a Vigo, na miña pizzería favorita. Estaba en shock como para pensar máis en profundidade sobre a viaxe. Cheguei a Vigo, deixei a bici, pedín a pizza, e chegou o diluvio. Just in time.

As semanas seguintes foron unha secuencia de recordos constantes da viaxe. É certo que ao facer a viaxe a un só non tes esa persoa coa que lembrar o que vos pasou aquel día, o que vivistes xuntos… pero non por iso é menos bonito. É unha experiencia máis persoal. Cando me decidín facer esta viaxe moita xente dicíame que por que o facía só, que me ía a aburrir. Sen dúbida foi unha das experiencias máis enriquecedoras da miña vida, e por todos os recordos que me veñen aínda a día de hoxe, sen dúbida mereceu a pena. Hai veces que no día a día é difícil desconectar, especialmente cando as cousas non van de todo ben e sentes que todo se che vén enriba. Ás veces é bo facer unha pausa, saír desa rutina e desconectar. Sen dúbida, con esta viaxe conseguino. Grazas a todas as persoas que o fixestes posibles, tanto a quen me destes consellos antes de iniciar a viaxe como a quen me acompañaches ao longo de leste dende a distancia.
Pero claro… isto engancha, e moito. Chegas, volves á rutina, pero xa che queda a ruxe ruxe na cabeza de cando facer o seguinte viaxe. Como dixo alguén unha vez, vivir é urxente, e hai que gozar da vida todo o que se poida. Ás veces a vida ten que darche unha labazada para que te deas conta dos que realmente é importante, e do importante que é vivir o momento. Eu volvín á rutina, pero por dentro xa estaba a deseñar a próxima viaxe, e tiña claro cal ía ser: facer o resto de costa de Portugal. E a iso me puxen…
Escóitovos nos comentarios!
1 comentario en “Pola Eurovelo 1: De Lisboa a Vigo pola costa”