Como vos comentei na entrada sobre a miña viaxe de Lisboa a Vigo, isto das viaxes longa sobre dúas rodas engancha, e moito. Volves á rutina pero na cabeza xa che queda o pensamento de cando facer o seguinte viaxe. Eu volvín á rutina, pero por dentro xa estaba a deseñar a próxima viaxe, e tiña claro cal ía ser: facer o resto de costa de Portugal. E a iso me púxen.
Cando fixen a viaxe de Lisboa a Vigo non coñecía o proxecto Eurovelo, pero agora si, polo que xa xogaba con vantaxe. Ademais, polo camiño descubrín o blog Con Alforjas, moi útil para calquera amante do cicloturismo. Pois iso, empecei a planificar a seguinte viaxe, e esta vez decidín facelo no verán, en lugar de en semana santa. Entre viaxe e viaxe comecei con quen hoxe é a miña parella, e para semana santa xa planearamos facer a Senda do Oso en bicicleta (si, estou a metela no cicloturismo tamén). Chegou agosto e comezou unha nova aventura. Esta vez aprendín da viaxe anterior, e fixen o camiño de norte a sur, para evitar o vento de norte. Fun de novo en bus ata Lisboa. Esta vez decidín probar a levar a tenda de campaña por dúas razóns: para probar a experiencia e porque o sur de Portugal (o Algarve) é moito máis caro que o norte. Un acerto total. Podería considerarse que perdes comodidade, pero considero que é unha experiencia máis unida á natureza, e gañas flexibilidade con respecto a onde quedarche.
Pois aquí estabamos de novo, en Lisboa. Cando falei da anterior viaxe non o mencionei, pero recomendo sen dúbida a Hamburguesería Dallas, en Pink Street. Aínda que non son supersticioso, decidín repetir e volver ir aí a cear (sexamos sinceros, foi unha escusa, a hamburguesa e a cervexa estaban boísimas). Considero que Portugal, ou polo menos a costa, son dous países distintos. Un de Lisboa para arriba e outro de Lisboa para abaixo. Especialmente a partir de Sines. Non digo que haxa unha parte mellor ou outra peor, simplemente distintos.
Podedes ver todos os tracks da miña viaxe aquí. As etapas foron as seguintes:
- Lisboa – Setúbal: 82,32 km / 1033 m
- Setúbal – Melides: 44,77 km / 157 m
- Melides – Malhadinhas: 75,04 km / 468 m
- Malhadinhas – Aljezur: 81,18 km / 616 m
- Aljezur – Sagres: 63,11 km / 598 m
- Sagres – Alvor: 87,04 km / 712 m
- Alvor – Faro: 85,43 km / 560 m
- Faro – Monte Gordo: 79,72 km / 206 m

Primeira etapa. Lisboa – Setúbal
Soou o espertador, e arrincaba a nova viaxe. Para saír de Lisboa collín un ferry. Hai máis opcións, pero esta é a máis económica, e mola ir pegado ao mar. Esta etapa non a gocei todo o que me gustaría. O percorrido era precioso, con grandes vistas, pero houbo bastantes pendentes e para ese día daban máximas de 40ºC. Unha mala combinación. Na segunda parte de etapa o camiño xa ía completamente pegada ao mar, especialmente chegando a Setúbal, onde fixen noite. Este foi o último día da viaxe que durmín nun hostel.

Segunda etapa. Setúbal – Melides
Despois do gran esforzo do día anterior, decidín tomarme a seguinte etapa con máis calma. O destino era Melides, a uns 40 quilómetros. Saín de Setúbal en ferry ata a península de Tróia. O inicio da ruta foi espectacular. Quilómetros e quilómetros de recta polo medio da nada co mar a ambos os dous lados. Ao final da península cheguei a Comporta, onde recarguei o depósito antes de continuar. Aquí desvieime da ruta orixinal, que era por unha estrada, e decidín atravesar os inmensos arrozales da zona. Na miña vida vira un arrozal, e foi unha gran experiencia. Paz absoluta. En Melides quedei no cámping. Tiven sorte, xa que o cámping é só para socios, pero cos que imos en bicicleta fan unha excepción e déixannos facer noite. Pois nada, montar a tenda, ducha e a descansar. Ese día aproveitei para darme un baño na praia que había á beira. Isto foi unha constante da viaxe: chegar ao destino, montar a tenda e ir á praia. Nesta viaxe leveime un libro do meu autor favorito: O emblema do traidor, de Juan Gómez-Jurado. Empeceino e acabeino nesa viaxe. É curioso, porque xusto acabeino chegando a Ayamonte, lugar que ten importancia dentro da historia do libro, pero bueno, non vou facervos spoilers.


Terceira etapa. Melides – Malhadinhas
Saíu o sol, recollín a tenda e a continuar a viaxe. Para almorzar, un galão (o que vén sendo un café con leite grande) e un croissant. Esta etapa foi un antes e un despois. Especialmente a partir da praia de São Torpes.

Aquí empeza a Costa Vicentina, tan característica do sur de Portugal. Espectacular. É simplemente diferente a todo o que vira en Portugal. De súpeto xa non había máis pobos grandes, nin edificios pegados ao mar. Atopábaste algunha casiña ou algunha aldea pequena de cando en vez pero o resto era como ir polo medio da nada. Foi precioso. Chegando ao final da etapa a ruta comezou a complicarse debido á gran cantidade de area que che atopabas no camiño, e tiven que empuxar a bici a patas os últimos 4 quilómetros. Pero mereceu a pena. De súpeto apareceu da nada a praia de Malhao, distinta a todas as que vira antes, cunhas enormes dunas e pegada a un cantil.


Cuarta etapa. Malhadinhas – Aljezur
E chegaba o Algarve. Tan coñecido e tan espectacular. O camiño estivo cheo de cantís asombrosos e praias virxes únicas. Recomendo visitalo polo menos unha vez na vida, xa que non defrauda. Ata ese momento foron as paisaxes máis espectaculares da miña viaxe por Portugal, aínda que o mellor estaba por chegar. Ese día quedei en Aljezur. Os días anteriores houbera varios incendios pola zona, aínda cheiraba a queimado. Unha pena ver unha zona tan preciosa como esa danada polo lume.


Praia da Azenha do Mar

Praia de Zambujeira do Mar
Quinta etapa. Aljezur – Sagres
A chegada a Sagres do día seguinte foi das cousas máis bonitas que vivín encima dunha bicicleta. Percorres quilómetros e quilómetros por pistas de terra que bordean cantís enormes, ata chegar ao Faro de Sao Vicente, o punto máis ao suroeste de Portugal. É indescritible. Ao final o propio vento empuxábache durante quilómetros sen pedalear a través dunha recta infinita desde a que non vías absolutamente nada aos lados. A verdade é que o Faro de San Vicente podería ser perfectamente o final da aventura. Pero por sorte non foi así, e aínda me quedaban tres etapas espectaculares por diante. En Sagres decidín tomarme un día de descanso, xa que as pernas xa empezaban a queixarse.


Faro de São Vicente

Sexta etapa. Sagres – Alvor
Na seguinte etapa xa me tocou meter na parte de máis turismo familiar do Algarve, pasando por grandes pobos como Lago e Portimao. Tanto nesta etapa como as dous seguintes, a gran maior parte do percorrido foi a través da Ecovía do Litoral, un roteiro de 214 km que vai desde o Cabo de San Vicente ata Vila Real de Santo Antonio. Este día as temperaturas foron bastante superiores ás do os días anteriores, xa que me abandonaban os ventos do norte. O final de etapa non foi moi gratificante, xa que inicialmente tiña pensado quedarme nun cámping de Ferragudo, pero resulta que só era para socios, polo que tiven que retroceder varios quilómetros ata Alvor.

Praia da Salema
Sétima etapa. Alvor – Faro
Chegaba Faro, a capital do Algarve. Nesta etapa tocoume ver a parte máis turística e famosa do Algarve. Atravesei auténticos resorts de luxo, como a Quinta do Lago, e sendo sinceros, prefería as paisaxes virxes e naturais das que gocei nas etapas previas a Sagres. Este día tocoume escoitar algo especialmente duro. Atopeime a un ciclista da zona e fomos falando un intre, falando da viaxe e de ciclismo en xeral. Comentoume que esa mesma semana falecera o seu compañeiro de ciclismo co que saía a rodar case todos os días ao impactar cun coche. E alí estaba el, facendo o que tantas veces fixera co seu amigo, rodar en bicicleta as súas estradas favoritas.

Oitava etapa. Faro – Monte Gordo
E chegaba o fin desta gran aventura, a última etapa en Portugal. Esta etapa foi completamente plana, e decidín tomarma con calma para gozar da viaxe. Practicamente a totalidade da etapa foi por pistas de terra pegadas ao mar. Unha boa de acabar esta viaxe. Por cuestións de azar, cadroume que a noite anterior acabara o libro que me levaba para esta viaxe, “O emblema do traidor”, de Juan Gómez-Xurado. Un dos lugares importantes deste libro é Ayamonte, lugar onde tamén acababa a miña viaxe.

Fixen noite en Monte Gordo, Portugal, e ao día seguinte crucei en ferry a Ayamonte. Alí comprei outro libro para entreterme na viaxe de volta a Galicia, que sería longo (e con algún que outro contratempo relacionado co transporte da bicicleta no tren…). Durante a curta viaxe en ferry cruzando o Guadiana empecei a ser consciente da pedazo de aventura que acababa de completar, e sentinme moi orgulloso. Que ben me veu esta viaxe, e que ganas do seguinte.
Espero que vos gustara a miña historia, e que vos sirva de motivación para embarcarvos nunha aventura como esta. Escóitovos nos comentarios
1 comentario en “Coñecendo o Algarve en bicicleta. De Lisboa a Huelva pola costa”