Nesta entrada vouvos falar da viaxe que fixen por Portugal este verán, e por unha ruta quizais non tan coñecida no mundo do cicloturismo. Anteriormente xa tiven o privilexio de gozar da paisaxe portuguesa sobre as dúas rodas, primeiro de Lisboa a Vigo e logo dende Lisboa a Huelva, en ambos casos indo pola costa. Foron as dúas miñas primeiras viaxes de longa distancia sobre as dúas rodas, e como xa vos contei, foi unha experiencia fermosa. Desta vez decidín que quería coñecer o interior de Portugal, practicamente descoñecido para min.
A Estrada Nacional 2, a máis longa de Europa
Se nas anteriores viaxes foi unha casualidade descubrir a rede Eurovelo, unha rede de estradas por toda Europa ideais para o cicloturismo, neste caso foi tamén unha casualidade descubrir a Estrada Nacional 2. Teño que dicir que inicialmente pensara en facer a costa cantábrica da península, pero despois de estar tres meses vivindo no Porto por temas laborais, decidín descubrir os segredos do interior de Portugal, do que tan ben me falaran. Buscando atopeime con que en Portugal estaba a estrada máis longa de Europa, e xunto á Ruta 66 dos Estados Unidos de América e a Ruta 40 da Arxentina, a única que atravesa un país de extremo a extremo. Ademais, debido a que hai varias autoestradas que serven de alternativa para os vehículos a motor, a estrada ten pouco tráfico. Vamos, que non había dúbida, xa tiña ruta para o verán. E alá fun.
Antes de viaxar, recoméndovos a guía Portugal de Norte a Sul pela mítica Estrada Nacional 2, do Papa-Figos, que conten información moi útil sobre a ruta.

Etapas
- Etapa 0: Chaves
- Etapa 1: Chaves – Vila Real | 69 km / 783 m
- Etapa 2: Vila Real – Lamego | 47 km / 1175 m
- Etapa 3: Lamego – Viseu | 70 km / 1098 m
- Etapa 4: Viseu – Penacova | 95 km / 1218 m
- Etapa 5: Penacova – Góis | 31 km / 573 m
- Etapa 6: Góis – Pedrógão Grande | 51 km / 1094 m
- Etapa 7: Pedrógão – Abrantes | 79 km / 1418 m
- Etapa de descanso: Abrantes
- Etapa 8: Abrantes – Mora | 82 km / 504 m
- Etapa 9: Mora – Montemor-o-Novo | 49 km / 455 m
- Etapa 10: Montemor-o-Novo – Odivelas | 71 km / 624 m
- Etapa 11: Odivelas – Castro Verde | 73 km / 523 m
- Etapa 12: Castro Verde – Ameixal | 46 km / 518 m
- Etapa 13: Ameixal – Faro | 51 km / 469 m
- Etapa final: Faro
- Total: 814 km / 10.452 m
Neste enlace podes ver todos os tracks das etapas.
Etapa 0: Chaves
Decidín facer a ruta de Norte a Sur, seguindo o sentido de numeración da estrada. Nesta ruta non fai falla practicamente o GPS, xa que ruta non ten apenas desvíos. Polo tanto, comecei en Chaves. Ata alí leváronme os meus pais no coche, pero tamén hai opción de chegar en autobús ata Chaves.
O primeiro día aproveitei para visitar Chaves cos meus pais, xa que nunca estiveramos alí. Paseamos pola ribeira do río Tâmega, visitamos o castelo e coñecemos o casco antigo. Tamén aproveitei para mercar o pasaporte da ruta no posto de turismo de Chaves, o cal fun selando ao longo da miña viaxe. Outro punto obrigatorio de visita é o Bar km 0, localizado no inicio da ruta e dedicado á Estrada N2.
Nesta viaxe levei a tenda de campaña, e salvo algunha noite que non tiven opción, durmín sempre de cámping. No parque de campismo de Chaves coñecín a un matrimonio que estaba a facer a mesma viaxe ca min, pero en autocaravana. Cando lles contei que eu ía facelo en bicicleta, non me crían!






Etapa 1: Chaves – Vila Real
Arranca a viaxe! Cando comezou a amencer, recollín a tenda e comecei a pedalear. Aínda que na maior parte da viaxe fun polo asfalto da N2, cando tiven ocasión tamén tentei desviarme por ecovías paralelas, polas que ía máis tranquilo sen terme que preocupar polos coches. Hei de dicir que en toda a viaxe, ao igual ca nas anteriores viaxes, non tiven ningún problema cos vehículo de motor. Supoño que tantos anos vivindo en Vigo fante inmune.
Pouco despois de saír atopeime coa primeira área de descanso, moi numerosas ao longo da estrada. É bonito ver como aínda se conservan estas áreas de descanso nas que só hai unhas mesas de medra, unha cadeiras para sentarse, e un paisaxe impresionante para descansar comendo un bocadillo coa familia ou os amigos. Hoxe en día estamos acostumados a que a única opción para parar sexa un área de servizo (que non de descanso), onde te ves obrigado a consumir para poderte sentar…

Nesta etapa fun case todo o tempo pola Ecovía do Corgo, paralela ao río co mesmo nome, e pola que antigamente ía a liña de ferrocarril que conectaba Chaves con Régua. Moi recomendable para esta etapa optar por esta alternativa á N2, xa que no extremo norte aínda conserva algo de tráfico motorizado. A Ecovía comeza no centro de Chaves, pero como saín dende o cámping, decidín ir uns kilómetros pola N2 ata coller a ecovía. Xusto no inicio atopei a un home paseando o can co que estiven falando da viaxe. Era de Zaragoza, e levaba xa tempo vivindo alí, e tamén era amante do ciclismo. Deume algúns consellos para ir ata Vilareal, e cando lle contei que estaba de camiño ao Faro flipou e deume moitos ánimos para a viaxe. Viaxar só coa bicicleta ten as súas vantaxes e desvantaxes, pero é moi bonito cadrar con persoas polo camiño coas que compartir vivencias, consellos e gustos, como foi este caso, e viaxar só faino máis doado, na miña opinión.


Parei en Vila Pouca de Aguiar a tomar un galão e un cruasán selei o pasaporte da N2 e continuei. Mentres tomaba o café, un rapaz que debía ter uns cinco anos miraba con moita curiosidade a miña bicicleta e as alforxas, e púxose moi contento cando lle choquei a man ao marchar. Lembroume a min, sempre con tanta curiosidade polas bicicletas (e por todo) dende pequeno, ata diría que se me parecía…
O resto da ruta foi case todo polo medio da natureza, permitíndome evadir de todo e gozando das paisaxes.






E finalmente cheguei a Vila Real. O primeiro que fixen foi ir ao cámping, pero resulta que de camiño había unha obra coa que non contaba e tiven que “improvisar” para poder pasar e non ter que retroceder varios km. Cheguei ao cámping, deixei a bicicleta e a tenda, ducheime e directo a comer. Aconséllovos que cando viaxedes coa tenda de campaña, non a montedes ata a noitiña, xa que así non quece o interior e poderedes durmir sen problema.
Vila Real foi un descubrimento. Era domingo e a cidade estaba moi tranquila. Despois de comer, paseei un pouco pola cidade e estiven tirado á sombra nun xardín moi ben coidado lendo un dos libros que trouxera para esta viaxe, Por donde sale el Sol, de Olayo Reynaud, onde conta a súa viaxe dende Francia á China pola Senda da Seda.





Etapa 2: Vila Real – Lamego
Etapa polo Alto Douro Vinhateiro, onde se atopan os viñedos do famoso viño do Porto. A maior parte dos viñedos cadran baixando cara o río Doiro, e as vistas son fermosas. Eu son da zona do Ribeiro, pero nunca vira tanta extensión de viñedos xuntos.



Ao final da baixada cheguei a Régua, onde crucei por riba do río Douro. Xa tivera a sorte de rodar polas ribeiras do Douro nos meus meses vivindo no Porto, pero nunca estivese por esta zona. Moi recomendable para vir coa bicicleta, xa que dende o Porto ata aquí é unha estrada bastante chá e con moi boas vistas.


Pasado o Douro, pola pasarela que se ve na imaxe de arriba, comeza a subida ata Lamego. Se non adoitas andar na bici, faise algo dura, e máis se fai calor como foi o caso. Durante a subida quedei sen auga, pero dúas persoas moi amables enchéronme o bidón con auga fresca, ademais de darme ánimos para o que quedaba de subida. Coma sempre, a xente de Portugal un sobresaínte en hospitalidade.


Despois de 15 km de subida, cheguei a Lamego. Co que non contaba é que, para varias, o cámping estaba no alto da vila, polo que aínda tiven que subir unha última petada. Pero mereceu a pena. Quizais un dos mellores cámpings de toda a viaxe, e sen dúbida, a mellor parcela, situada no medio dunha viña e con vistazas. Deixei as cousas, ducheime, e directo para a piscina municipal de Lamego a refrescarme.


En Lamego coincidín cun motociclista de Catalunya que tamén estaba a facer a ruta, e aproveitamos para tomar un viño do Porto á tardiña. Eu tiña pensado irme cedo para a cama… pero a cousa alongouse. Non me podía ir de alí sen probalo, claro.
Un lugar que recomendo visitar é o Santuário e Nª Srª dos Remédios, ao lado do cámping. Dende a cima hai unha vista fermosa de Lamego, e podes baixar pola escalinata ata o centro (iso si, logo toca subir…).


Etapa 3: Lamego – Viseu
O traxecto desta etapa foi menos bonito e máis monótono ca nas anteriores. Polo camiño coincidín cun ciclista local que debía ter uns 70 anos. Era portugués, pero vivira toda a vida en Francia. Foi moi agradable compartir con el varios km. El tamén tiña a ilusión de ir dende Portugal ata Francia na bicicleta, pero seica os fillos e a muller non o tiñan tan claro.



Viseu foi un gran descubrimento, como case todo nesta ruta. Está cheo de xardíns moi ben coidados polos que pasear. De feito, lin que era famosa por isto. Tamén é moi bonita a súa arquitectura, en especial polo casco antigo.



Este día non decidín alugar unha habitación nun hostel, xa que na vila non había cámpings. De primeiras ía ter que deixar a bicicleta fóra, pero unha empregada moi agradable deixoume metela para un balcón, o que me dixo durmir moito máis tranquilo. Aproveitei para cargar os aparellos electrónicos.





Etapa 4: Viseu – Penacova
Esta foi unha etapa espectacular, e tamén a más longa (95 km). Durante moitos kilómetros fun pola Ecopista do Dão, moi recomendable para ir en bicicleta. Vai dende Viseu ata Santa Comba Dão.


En Santa Comba Dão hai que ter ollo de por onde pasar. Debido ao trazado da IP3 (unha autoestrada portuguesa) e á construción da Barragem (das que hai moitas ao longo da viaxe, son o que nós chamamos encoros ou presas), temos que desviarnos do antigo trazado da N2, xa que pola IP3 non poden circular bicicletas, e ir pola N234 ata Mortágua.



Pasado Santa Comba Dão, toca desviarse por Mortágua, onde aproveitei para xantar. Así como curiosidade, dicir que en Portugal os nomes das comidas funcionan distinto a onda nós. Alí o noso almorzo, a primeira comida do día despois de espertar, é pequeno-almoço; o noso xantar, a comida do medio día, é almoço (ademais de que alí xantan entre as 12:00 e as 14:00); e a nosa cea, alí é jantar, e moito antes da hora á que ceamos nós, xa que alí a partir das 19:00/20:00 xa están ceando. Isto dos horarios haino que ter en conta, xa que aínda que en zonas máis turistas os horarios son máis amplos, en zonas menos turistas mantéñense os horarios tradicionais (que na miña opinión, teñen moito máis sentido).



Pasado Mortágua, temos que ir pola N228 ata a Barragem da Aguieira, onde volvemos conectar coa N2. Alí cruceime con outro cicloturista, que debía ter uns 70 anos, e que estaba comendo ao lado da Barragem. Dende alí fun ata Penacova paralelo ao río Mondego. Ao chegar ao Cemitério de Oliveira do Mondego, tívenme que volver desviar porque o tramo coincide coa IP3. Neste caso toca meterse por unha pista de terra un par de kilómetros, con algunha subidas curtas pero moi pronunciadas, que me fixeron botar pé a terra nalgún momento. No camiño quedei curto de auga, xa que hai poucas fontes., pero tras unha subida pronunciada apareceu o bar “Nova vida”. Un bar no que parece que non pasaron as últimas décadas por el. A terraza, o toldo, a televisión, os azulexos… Iso si, a auga fresquiña sentoume xenial. Esta parte da etapa, na que un tramos da estrada quedou entre cortes coa IP3 foi moi bonito. E non me refiro a nivel paisaxístico, que tamén, se non a nivel sensacións. A sensación era de que por ese tramos non pasaran as últimas décadas. Foi é bonito atoparse recunchos onde aínda non chegou esta globalización salvaxe e nos que viven a outro ritmo completamente distinto, e felices. Isto pasoume en moitos outros sitios, quizais onde máis na segunda parte da aventura, onde sentín que entraba nun país distinto.


E cheguei a Penacova. De forma case excepcional ate o momento… o cámping non estaba no alto da aldea! O cámping está ao lado dunha praia fluvial. Cheguei, montei a tenda, ducheime, e para a praia. Pasoume algo gracioso. Este día, aproveitando que había lavadora e bo tempo, decidín lavar toda a roupa. A persoa que me abriu o habitáculo onde estaba no cámping, levaba pouquiño tempo de cámping, e botoume un montón de suavizante. Penso que a roupa non perdeu o aroma ata o día de hoxe.





Etapa 5: Penacova – Góis
Despois da longa etapa do día anterior, este día decidín tomalo con calma, sendo unha das etapas máis curtas da viaxe. Polo camiño parei en Vila Nova de Poiares, onde me almorcei un galão (un café con leite grande, con máis leite que café) e un cruassá, unha combinación clásica durante toda a viaxe. Alí hai dous murais fermosos, un sobre a N2 e outro sobre a Revolução dos Cravos do 25 de Abril de 1974, que rematou con máis de 40 anos da ditadura. Xusto ese anos se fixeran 50 anos da revolución, e eu tiven a sorte de atoparme no Porto ese 25 de abril, unha sensación inesquecible escoitar a toda a xente cantar a emblemática canción coa que iniciaron a revolución, Grândola, Vila Morena.



Chegando a Góis pitoume unha camioneta dándome ánimos para a viaxe, ao igual que fixo outro grupo de ciclistas cos que me crucei. Sempre se agradecen, e tamén sentín moito cariño en cada bar que parei, dándome sempre ánimos e facéndome preguntas. Viva o Portugal.
E cheguei a Góis. Unha aldea fermosa á que teño claro que voltarei. A zona do río é fermosa, e como gran parte das aldeas e vilas nas que me quedei, cunha zona preparada para bañarse, algo que coas temperaturas de agosto sempre se agradece.







Tamén me pareceu fermosa o resto da vila, onde se había moita tranquilidade e as casas estaban moi ben coidadas. Aproveitando esta tranquilidade rematei o primeiro dos libros que levei para esta viaxe, Por donde sale el Sol, de Olayo Reynaud.











Etapa 6: Góis – Pedrógão Grande
O inicio da etapa estivo marcada pola néboa e por unha subida espectacular de 12 kilómetros. Foi unha subida tendida que se leva ben indo sen présa. A estrada vai entre árbores e está chea de vistas espectaculares. Paz mental absoluta. Na cima da subida, outra camioneta pitoume dándome ánimos.




Xa na baixada, e deixando o municipio de Góis, crucei o kilómetro 300 da N2. Aínda quedaban uns cantos por diante, e eu desexaba que non se acabaran. Que paisaxes máis fermosos.




E cheguei a Pedrógão Grande. Pareceume unha aldea bonita, con monumentos coma o do resineiro ou o dos bombeiros. Tamén me atopei cunha pintada criticando o cultivo masivo de eucalipto, un problema que tanto nos afecta na nosa terra.



Memorial ao Resineiro, homem simples de vida dura… Percorrendo montes e vales, na solid~ao do seu arduo trabalho, ao rigor do tempo e dos tempos, na sua resignada humildade, laboriosamente procurando, o sustento da família, imp~oe-se esta digna e respeitosa homenagem.
Para ir ao cámping tiven que baixar ata case a Barragem do Cabril, onde se atopa. A baixada ten unhas vistas fermosas do río Zézere, que desemboca no río Texo pouco antes da súa chegada a Lisboa.



O cámping ten piscina propia, onde pasei unha boa parte da tarde, comezando o outro libro que levara para a viaxe: La vuelta al mundo en bicicleta. Un viaje alrededor de uno mismo, de Juanjo Alonso. Un libro totalmente recomendable, onde Juanjo, coñecido como Kapitán Pedales, conta a súa experiencia recorrendo o mundo en bicicleta nos anos 90: Europa, Asia, Oceanía, América…
Preto do cámping hai unha pizzería, a cal gocei acompañada dunha cervexa fresca.




Etapa 7: Pedrógão Grande – Abrantes
E chega o ecuador da viaxe (e atreveríame a dicir que do país). Esta diría que foi a etapa máis dura a nivel físico. O sol apertaba especialmente ese día, xa nos acercabamos ao sur. Nunha das subidas do día pasoume algo especialmente gracioso: un home insistindo en levarme no seu tractor. Ao principio, entre o ruído do tractor e que cara o sur custábame máis entender o portugués, non entendía que quería. Fíxome bastante graza, e tras insistirme un par de veces, entendeu que prefería subir montado na bicicleta e seguiu coa súa ruta. Agradecinlle o seu xesto, ainda que imaxino que eu naquel momento non levaba moi boa cara pola dureza da subida…
Na cima de todo cheguei a unha fonte, chea de xente enchendo a súa garrafa. Cando viron que ía en bicicleta deixáronme pasar diante de forma moi amable sen que eu llo pedise. Que boa estaba a auga. Asombráronse cando lles contei que viña en bicicleta dende Chaves e que me dirixía a Faro. A verdade é que durante a viaxe apenas me atopei cicloturistas, só xente en moto, caravanas… Supoño que en épocas máis frescas haberá máis cicloturistas, e que a ademais a maioría optarán por rutas máis lixeiras coma a que vai pola costa do Portugal.


Carguei o bote de auga e seguín. A seguinte parada foi nun sitio moi sinalado, o punto xeodésico de referencia de Portugal. Dende alí había unha vistas espectaculares dos arredores. Iso si, para chegar, tocou subir unha petada do 17%. A metade da subida, uns señores andando, sen querer, case se me cruzan diante da bicicleta. Menos mal que os avisou un compañeiro deles. A verdade, naquel momento non tiña eu claro que fose a parar… Carimbei o pasaporte da N2 (neste caso foi un selo en releve, coma os antigos) e continuei coa viaxe.




Dende aí tocoume unha longa baixada. En Vila de Rei parei a comer unha pizza, xa que era mediodía e a partir das 14:00 aquí non se come. Pasando Vila de Rei cometín un erro nun cruce que non vin e, en vez de ir pola antiga N2 – que vai entre árbores e pasa por unha praia fluvial moi bonita (faláronme logo dela nun bar) – fun polo trazado actual da N2. O problema foi que esa estrada apenas tiña árbores que desen sombra, nin aldeas nas que poñerse á sombra, polo que as subidas se fixeron bastante exixentes. Mentres subía cruceime uns ciclistas locais que baixaban, e escoitei como un lle dicía ao outro “Carallo, como sobe!”. Tiña gañas de saír dese sol…

O sol seguía apertando (eran as horas de máis sol do día), e decidín desviarme a unha aldea próxima que aparecía no pasaporte Alí tomeime unha limoada para recargar enerxía. Carimbei e continuei coa viaxe, sendo despedido por un inglés por un claro “Are you crazy?”. A verdade é que estaba ben no bar ao fresco.
E o resto da etapa foi rodar e rodar ata que cheguei ao río Texo, a Abrantes. Por sorte, o cámping estaba ao lado do río e non tocaba subir máis. Ademais, rematábanse as etapas de montaña. Chegaba o Alentejo.




Etapa de descanso: Abrantes
Despois da etapa intensa do día anterior decidín tomarme o día de descanso e non pedalear. Ese día levanteime tarde, tocaba recuperar forzas dos días anteriores. Normalmente levantábame cedo para comezar a pedalear coa primeira luz do día, para chegar ao destino antes de que o sol apertase moito. Tomei o meu almorzo favorito (galão e cruassá), e deime unha volta polos arredores do cámping. Era unha zona moi tranquila, notábase que estaba pouco turistificada. De feito, no cámping só estabamos un par de tendas de campaña e dúas autocaravanas. Había os típicos bares e comercios de toda a vida.




O núcleo en si de Abrantes non está ao lado do cámping, se non no alto. Despois de almorzar, collín o meu libro e fun subindo a pé de vagar. Dei un paseo polas rúas do centro, con construcións moi ben coidadas, boas vistas e unha paz absoluta, perfecto para ler acompañado dunha imperial. Así como curiosidade, vouvos explicar a diferenza entre fino e imperial. Na práctica son o mesmo, un vaso de cervexa de 20 centilitros. Pero ollo con equivocarse cando o pides en función de onde estes. No norte de Portugal dise fino e no sur dise imperial. E dicilo fino no sur ou imperial do norte pódeche traer unha mala mirada…
A palabra “fino”, ten orixe en Coimbra na década de 1940, por Toninho Saraiva, bohemio da cidade de estudantes. Como relata o libro de memorias Boémia Coimbrã, de A. Nicolau da Costa, Toninho pedía sempre “um copo de cerveja de vidro fino!”. E así ata o día de hoxe. O termo “imperial” ten orixe no 1916. En Lisboa creouse unha fábrica de cervexa chamada Germânia (dela aínda restan os restos do edificio e unha icónica cervexaría), onde xurdiu a primeira marca de cervexa de pressão (presión) do país, a Imperial. Vamos, un exemplo máis da clásica rivalidade entre o portuenses e lisboetas. Cando cruzas o país de norte a sur estas diferenzas vanse notando gradualmente, ao igual que se notan no sotaque. Persoalmente, resúltame máis doado de entender o portugués do norte ca o do sur.



E para concluír o día, aproveitei para facerlle uns axustes á miña querida Orbea Alma, que xa levaba enriba 442 kilómetros e máis de 7000 metros de desnivel acumulado, e sen darme ningún problema.
Etapa 8: Abrantes – Mora
E entraba noutro país. Cruzas o Texo e parece que esa corrente de auga fixo de barreira para que as montañas seguiran avanzando cara ao sur. Remataban as etapas de montaña e chegaban as planicies do sur de Portugal. Nesta zona os paisaxes estaban case monopolizados polas sobreiras, que daban unha sombra moi agradable en moitas zonas.


Durante a etapa atopeime con moitas barragem, que daban unha imaxe curiosa e artificial. Por un lado, os paisaxes e os cultivos víanse de zona seca, pero de súpeto xirabas nunha curva e atopábaste unha extensión de auga que ben podía ser a Ría de Vigo. Na imaxe de abaixo á dereita vese unha imaxe curiosa, na que un home está a pescar “suspendido” na auga. Unha milagre! Obviamente está enriba da ponte que se ve, e que era a antiga ponte pola que ía a N2.


A etapa foi moi pouco exixente, como o serían a maioría das que quedaban de viaxe. Cheguei a Gameiro, onde en teoría había un cámping, pero este estaba pechado. Por sorte ao lado había unha explanada onde había un par de autocaravanas e montei a miña tenda. A vantaxe de levar unha batería externa, o cal recomendo, é que te podes pasar varios días sen conectarse á electricidade. Resulta que os da autocaravana tamén lles gustaba facer viaxes na bicicleta, e xa fixeran a N2, e estivéronme dando consellos para o que quedaba da viaxe (ademais de invitarme a unha cervexa). O cámping estaba ao lado dunha praia fluvial na que pasei a tarde refrescándome. Ese día tamén tocou dicirlle adeus á cremalleira superior das alforxas…


Etapa 9: Mora – Montemor-o-novo
As paisaxes desta viaxe foron moi similares aos da etapa anterior. Estaba na planicie dourada do Alentejo. Todo eran sobreiras, vacas pastando e inmensidades de trigo. Custábame crer que estaba no mesmo país ca fai uns días. E cheguei ao kilómetro 500 da N2.



O cámping de Montemor-o-Novo foi unha sorpresa. Nesta vila non había río no que bañarme, pero resulta que o cámping tiña unha piscina perfecta para pasar a tarde refrescándome e lendo. Á tardiña, cando estaba tan tranquilo para comezar a durmir, notei que me petaban na tenda, e resulta que era un rapaciño que me quería ensinar o seu can. Foi bastante graciosa a situación.

Etapa 10: Montemor-o-novo – Odivelas
Etapa tranquila e pouco exixente a nivel físico. Rectas kilométricas polo medio da planicie dourada. Atopeime un montón de vacas e ovellas pastando. Tamén un poste de alta tensión cheo de niños de cegoña. A final da viaxe acercábase, e de aquí ao final foron viaxes cheas de reflexións sobre a vida. O cámping de Odivelas foi unha sorpresa. Atópase nunha zona protexida e ao carón dun encoro no que bañarse, chulísimo. Iso si, cara a última hora da tarde levantouse un vendaval que por pouco me marcha coa tenda… menos mal que tiña as alforxas dentro facendo peso. Aprendín a lección para as seguintes etapas e sempre cravaba as piquetas da tenda coas cordas. Cando chegaba aos cámpings sempre estaba o tempo calmo, pero cara media tarde viña un aire forte, que tamén se agradecía, xa que a roupa secaba rapidísimo.






Etapa 11: Odivelas – Castro Verde
A zona cero da planicie dourada e o día que realmente eres consciente de por que lle chamas así. A densidade de sobreiras baixou deixando oco para extensión enormes de cereal que lle daban ao horizonte ese característico cor dourado.


Diría que esta foi a etapa coas rectas máis longas. Unha en concreto foron en torno a 15 kilómetros sen apenas curvas, só unha pequena en Ferreira do Alentejo, onde parei a almorzar. Pouco despois cheguei ao kilómetro 600 da N2. Xa só quedaba un miriámetro, o dos 700 kilómetros.


Polo camiño atopeime unha caseta da antiga dirección de estradas, hoxe en desuso. Tamén un monumento a un ciclista local falecido, facendo unha das cousas que máis lle gustaba, andar sobre as dúas rodas. Faite pensar sobre o exposto que está un na bicicleta, pero como eu sempre digo, se algún día me pasa algo na bicicleta, será facendo o que me fai feliz. E xa póndose estatístico, onde máis xente morre é na cama.


En Castro Verde quedei no cámping municipal. Ao lado está tamén a piscina municipal, onde pasei a tarde refrescándome e lendo. É unha piscina enorme, e con moita zona de sombras ao redor.
Etapa 12: Castro Verde – Ameixal
Tocaba despedirse do Alentejo e da súa planicie dourada, e chegaba ao Algarve. A etapa foi tamén tranquila. Os paisaxes xa se intuían con máis zonas montañosas, Serra do Caldeirão, e aumentaba a densidade das árbores. No Algarve xa comezaron as subidas, leves, que continuarían o día anterior. Un ciclista co que coincidín en Gameiro dixérame que hai un dito que a subida do Algarve ten 365 curvas, unha por cada día do ano. Contar non as contei… pero por aí deben andar. Non tan famosas como os 21 lacets (curvas) do Alpe d`Huez, pero non por elo menos fermosas.


Chegando a Ameixal atopeime cunha piscina natural onde pasei boa parte da tarde refrescándome. Esa noite había unha pequena festa alí, pero entre que ao día seguinte tocaba madrugar para escapar do sol, e que non quedaba preto de Ameixal, decidín retirarme a tempo.


Foi bonito que, agora que volvían as subidas, atopeime cun montón de coches animándome. E a verdade é que agradécese e da forzas. Cheguei a Ameixal. Xa sabía que alí non había cámping, e contaba con quedarme ao lado do campo de fútbol, onde vira que había unha explanada de terra. A miña sorpresa foi que, tendo en conta que era completamente de balde, estaba moi ben preparada para trasnoitar: varias tomas de electricidade e os vestiarios do campo de fútbol abertos para ducharse. Ameixal víase unha aldea tradicional e do Portugal profundo. A gasolineira é unha das máis antigas da N2, conservando a súa cuberta orixinal. En fronte a esta está un bar rexentado por unha señora, ben entrada nos oitenta anos, que me fixo un bocadillo de queixo con chourizo. Outra opción non había en todo Ameixal. Unha aldea tranquila para vir a desconectar.




Etapa 13: Ameixal – Faro
E chegaba o último día. Hoxe as pernas ían soas, xa non había que gardar as forzas para mañá. A etapa comezou en subida, pero facíase máis lixeira. Apenas atopei vehículos a motor na primeira metade da etapa, o cal se agradecía. E cheguei ao km 700 da viaxe, o último miriámetro xa!


Xa baixando atopeime con outra Casa de Cantoneiros. Atoparame máis xa, pero ningunha tan ben conservada coma estas (moitas estaban abandonadas). Os cantoneiros eran os encargados de velar polo mantemento das estradas, neste caso da N2, e facíano a pé. Actualmente parece ser que esta é empregada como sede da protección civil.

Seguín baixando e atopeime cunha ciclista que me pareceu inspiradora. Tiña mobilidade reducida de cintura para abaixo e ía nunha bicicleta adaptada, sendo a súa tracción os seus brazos. Eu baixada, pero a subida víase exixente. Hai xente que non ten barreiras nin límites.


Remataban as montañas e chegaba a Faro. O km 738 da N2 (eu levaba algúns máis enriba). Foi unha explosión de alegría. Por un lado dábame mágoa sentir que remataba a viaxe, pero por outro lado significaba que o conseguira, cruzar Portugal de Norte a Sur pola estrada máis longa de Europa!
Na imaxe de abaixo á dereita ides ver a unha muller na foto. Non a coñezo de nada, pero viña tan canso que nin me fixei que se estaba facendo unha foto… ela quedouse algo sorprendida pero fíxolle graza.


Final: Faro
O día seguinte tomeino de relax por Faro. Xa estivera alí o ano anterior, cando fixera o Algarve en bicicleta, pero apenas visitara o que é a aldea en si. A verdade é que non cambio as aldeas do interior de Portugal polo Faro. Non me chamou a atención porque xa o sabía, pero estaba tremendamente turistificado. Nas cafeterías xa non che falaban en portugués, cando eu levaba 15 días falando e entendéndome perfectamente co meu galego-portugués. Ata as cartas estaban en inglés. Por non falar do aumento brutal dos prezos. Con todo isto, non quero criticar á xente de Faro, a cal probablemente deixaron sen outra opción da que vivir se non é o turismo (ou emigrar), algo que me soa da miña terra…
O cámping estaba nunha illa (conectada por unha ponte) ao lado da praia. Levanteime e aproveitei para darme un baño na praia. Pola tarde collín o ferry para ir ata a Faro e coñecer as súas rúas.




Pasei a tarde paseando polo Faro, lendo nalgún dos seus parques e reflexionando sobre a viaxe que acababa de rematar. Non me fun moi tarde para o cámping, xa que ao día seguinte tocaba madrugar para coller o autobús ata Chaves, onde me agardaban os meus pais.




Rematou a aventura… pero xa pensando na seguinte
Pasaron os meses e aínda me veñen á cabeza paisaxes, conversas e sensacións sobre a viaxe á cabeza cada poucos días. Sen dúbida alégrome de ter descuberto esta estrada, a N2, e de ter coñecido o interior do Portugal. Sempre lembrarei as súas curvas, as subidas e baixadas, as longas rectas entre sobreiras pola planicie do Alentejo, as ecovías do norte de Portugal… pero sobre todo a amabilidade e cariño que recibín nesta viaxe. Obrigado por todo Portugal, unha vez máis, voltarei!
Se tede algunha dúbida, inquedanza, mensaxe… non dubidedes en deixarma nos comentarios, estarei encantado de respondervos. Se chegaches ata esta liña, grazas por lerme, e agardo que che sirva de utilidade. E para non perderte ningunha historia sobre as miñas viaxes, subscríbete (gratis) á miña lista de correo e chegaranche ao teu correo tan pronto as publique.
Ata outra!