Sobre min

Aínda recordo cando o meu pai me ensinou a andar en bicicleta. Realmente non lembro unha fase previa usando pedais. Fomos directos. Baixamos ao parque de diante da miña casa, coa bici laranxa que xa usara a miña irmá, e empezoume a empuxar suxeitándome polo sillín. Empecei a pedalear, e cando me dei conta xa me soltaba e ía só. Un pouco como a vida en xeral, non? Aí comezou o meu amor polo ciclismo. Quen me diría que algún día faría longas viaxes sen máis nada ca unha bici e un par de alforxas. Lembro tardes de verán percorrendo cos meus amigos da infancia os paseo do río da miña cidade. Que bos recordos. Logo durante o instituto tiven a bici algo abandonada, pero ao comezar na universidade os meus padriños volvéronme meter no vicio. Uns auténticos amantes do ciclismo, aos que sempre lle estarei agradecido por descubrirme este estilo de vida.

Por que este blog?

O blog vouno empregar como caderno de bitácora das miñas aventuras sobre as dúas rodas, buscando que poida servir de axuda ou inspiración a quen estades pensando en facer unha longa viaxe en bicicleta, e para dar novas ideas de rutas e aventuras a quen xa estades dentro deste mundo das dúas rodas. Se tedes algún consello ou idea, non dubidedes en deixala nos comentarios. Vémonos!

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario